16 oct 2012

REFRANEIRO OUTUBRO


  • A lúa de octubre a sete cubre, e se chove, nove.
  • A verdura de San Simón dá pró amo e mais pró ladrón. [1]
  • A verdura en outono cómea o seu dono.
  • Áncoras ó fondo, que chega San Simón.
  • Arriba, putas, que aí veñen as san Lucas. [2]
  • As avenidas de San Simón, antes ou despois sonadas son.
  • As enchentes de San Simon sonadas son, ou antes ou despois enchen o carro e mais os bois.

En outubro, a terra esterca e cobre.
  • De setembro a San Simón non cóma-lo mexillón. [3]
  • En octubre, a terra estercola e cobre.
  • En san Francisco trae a vela, en San Xosé lévaa. [4]
  • O día de San Lucas mata o teu porco e barra as túas cubas. [5]
  • O que deixa a Coaresma e as festas de san Lucas, dígao a incrusa.
  • Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendote. [6]
  • Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar. [7]
  • Polo san Lucas saben ben as uvas.
  • Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas.
  • Polo san Simón, áncoras ó fondón.
  • Polo san Simón apreta o baldón. [8]
  • Polo san Simón proba o viño, e o porco polo san Martiño.
  • Polo San Simón tapa o portelo da sazón, o da resteva non.
  • Por San Francisco bota o liño mourisco, se o botas en San Simón nin da estopa nin estopón.

Polo san Simón apreta o baldón.
  • Por san Francisco, risco, risco.
  • Por san Luca alza o boi da suca, mata o porco e tapa a cuba.
  • Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas. [9]
  • Por san Quintín castañas ó rolín. [10]
  • Por san Simón a xeira do cogordón. [11]
  • Por San Simón cada moneda vale un doblón.
  • Por San Simón, camiñar si, navegar non.
  • Por san Simón e por san Xudas, mata ó teu porco e atesta as túas cubas.
  • Por san Simón e san Xudas, collidas as uvas.
  • Por san Simón, aperta o baldón.
  • Por san Simón o néspero se repón.
  • San Pedro e san Simón traen a chave do trebón. Asi como eles son santos, traian os trebóns mansos.
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Simón, se me pillas unha mosca, douche un millón.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

[editar]Cantigueiro

Naquela banda do río,/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no outono/ uvas no mes de xaneiro.

  • San Simón, san Simonciño,/ bendíceme este cordón/ que dá nove voltas/ ó redor do corazón.

  • Notas
  1.  San Simón apóstolo, 28 de outubro.
  2.  San Lucas é o 18.10 e en Mondoñedo celébranse as festas patronais.
  3.  Referido ás mareas vermellas do mexillón, que comezan nestas datas.
  4.  San Francisco, 4 de outubro.
  5.  "Barrar as cubas" é tapar calquera greta ou abertura que poida ter a cuba para asegurar a súa hermeticidade. Facíase con lama ou pez.
  6.  Os Remedios, o segundo domingo de outubro; san Roque, o 16 de agosto.
  7.  A Virxe do Pilar, 12 de outubro.
  8.  Baldón ou bandón é o tapón de cortiza ou madeira co que se tapa o burato da tapa superior dos bocois.
  9.  San Xudas, 28 de outubro.
  10.  San Quintín, 31 de outubro.
  11.  Refírese a que comeza a tempada de ir ós cogomelos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario